|
 |

O Concello de Santiso (A Coruña)
Conta, segundo os datos proporcionados polo INE a 1 de xaneiro de 2008, con 2035 habitantes repartidos en 17 parroquias (San Xoán de Arcediago, Santa María de Barazón, San Cosme de Beigondo, San Pedro de Belmil, Santiago de Liñares, San Xurxo de Mourazos, San Paio de Niñodaguia, Santa María de Novela, San Cristovo de Pezobre, Santo Estevo de Pezobrés, Santa Eulalia de Rairiz, San Vicente de Ribadulla, San Pedro de San Roman, Santa María de Santiso, Santa Eulalia de Serantes, Santa María de Viamianzo e San Xoán de Visantoña) nun total de 74,1 km2 |
|
 |
A cabeceira municipal sitúase no Agro do Chao, na parroquia de Ponte Arcediago, que está a 58 km de Santiago e a 75 da Coruña.
O seu territorio está bañado polo río Ulla, polo seu principal afluente, o río Furelos e polos regatos Braña, Beseña e Boente.
O noso concello limita ao norte con Melide, ao leste con Palas de Rei, ao sur con Agolada e con Vila de Cruces e ao oeste con Arzúa.
Economicamente prima o sector agropecuario cun destacado papel do gando vacún. É importante ademais a industria madeireira nacida grazas aos seus inxentes recursos forestais.
É considerable a afluencia de turistas ao longo do ano, que se poderán aloxar nas casas de turismo rural espalladas polo noso territorio e que poderán logo visitar monumentos relixiosos como a Igrexa de Santo Estevo de Pezobrés (do século XII pero moi cambiada polas remodelacións feitas ao longo do século XIX) ou civís como o Pazo de Vilar de Ferreiros (dos séculos XV e XVII e exemplo deste tipo de arquitectura).
O visitante non poderá deixar de contemplar algún dos moitos cruceiros cos que conta o concello de Santiso como o de Novela, datado no ano 1882 e de respirar a atmosfera dun pasado prehistórico, testemuñado polos dólmenes ou as mámoas atopadas en Vimianzo, Visantoña e Ribadulla e castrexo (asentamentos de Serantes, Vimianzo, Niñodaguia e San Roman) antes de volver para o seu aloxamento a descansar.
Desexamos que gocen da súa estancia na nosa/súa vila.
|
|
|
|
 |
|